Saturday 11 de May de 2024

Turismo de Galicia inicia a rolda de contactos con asociacións para poñer en marcha o Proxecto Social do Monte do Gozo


O xerente do Xacobeo reuniuse hoxe coa Fundación ONCE, con PREDIF e coa Fundación Monte do Gozo, promotora do Proxecto Home Galicia

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, reuniuse coa Fundación ONCE, coa Plataforma Representativa Estatal de Discapacitados Físicos (PREDIF) e coa Fundación Monte do Gozo, promotora do Proxecto Home Galicia.

As ditas reunións constitúen a primeira rolda de contactos con fundacións e asociacións de integración e promoción da inserción laboral no marco do Plan de Actuación do Monte do Gozo presentado a pasada semana por Turismo de Galicia.

O obxectivo dos encontros foi explorar posibles sinerxías e colaboracións e ofrecer a estes colectivos sociais a habilitación de espazos onde poder atopar neste parque un ámbito de actividade.

A iniciativa é unha das primeiras actuacións a por en marcha incluídas nesta intervención que contempla a concesión da zona de aloxamento garantindo a continuidade do albergue de peregrinos neste lugar tan intimamente unido ao mundo da peregrinación xacobea e habilitando estas instalacións para movemento asociativo e fins sociais.

O Plan de Actuación do Monte do Gozo constitúe un proxecto de recuperación integral que remodelará o parque adaptándoo ás necesidades actuais e converténdoo nunha referencia nacional e xacobea.

O obxectivo é devolverlle ao Monte do Gozo a atención que merece e o seu papel relevante na cidade de Santiago e no Camiño de Santiago.

Así, esta intervención dotará de nova vida a este amplo espazo de parque de Santiago de Compostela, revitalizando o seu valor referencial no mundo xacobeo pero tamén converténdoo nun espazo ao servizo dos cidadáns e dos turistas de Santiago de Compostela e de Galicia.

Con todo, o Plan constitúe unha actuación fundamental tanto para Compostela como para a Ruta Xacobea, posto que se trata do parque de maior dimensión da cidade e a porta de entrada dos peregrinos a Galicia